O PSdeG clama contra Recursos de Galicia: «É unha empresa privada con capital público»
Ofensiva do PSdeG contra a sociedade mixta que a Xunta de Galicia impulsou da man de 30 empresas. O eurodeputado Nicolás González Casares criticou a posta en marcha de Recursos de Galicia, empresa da cal o Executivo galego xestiona unha participación do 30% e que ten como obxectivo, segundo se asegurou no seu acto de constitución, o “garantir que a xestión da riqueza dos recursos naturais galegos se traducirá sempre en riqueza social para a comunidade”.
Segundo o eurodeputado socialista, a posta en marcha de sociedades deste tipo ten que ser baixo a fórmula de “unha empresa de capital público” e non como a iniciativa presentada polo Goberno galego que, na súa opinión, foi feita “con présas e correndo, con improvisación e sen ningún tipo de planificación”.
“Dende a Xunta dise que esta é unha colaboración ou unha empresa público-privada. Non, é mentira, é unha empresa privada con capital público que vai xestionar os recursos dos galegos. Os socialistas imos opoñernos a iso”, sinalou nun audio difundido aos medios.
A xuízo do eurodeputado socialista, Alfonso Rueda “herdou un desastre organizativo de Feijóo” en canto aos recursos naturais, que se ve reflectido na “planificación eólica”. Con todo, considera que Rueda non pode “escapar correndo” e “improvisar” para presentarse ante os galegos nas próximas eleccións autonómicas como “un xestor de recursos”.
González Casares avala a Besteiro
Neste sentido, González Casares reafirmou que o PSdeG “ten claro” cal é a solución: “unha empresa pública galega que xestione eses recursos, tamén en colaboración coas empresas privadas do país ou cos investidores que queiran vir a Galicia, pero o mando ten que ser do Goberno de Galicia”.
Un goberno que, para o eurodeputado socialista, nos próximos meses “estará da man de Besteiro”. “Sabemos que os socialistas imos defender que o noso vento, a nosa luz e a nosa auga produzan para os galegos”, rematou.